O gran reto da literatura infantil

Categoría: Opinión

O pasar das primeiras follas, o ollar das figuras recoñecidas, o soletrear das frases, a comprensión dos primeiros textos, o explorar e a curiosidade ante a lectura, o gozar dun mundo cheo de aventuras. Todo o que agocha a literatura galega infantil actual é un ronsel de pedras preciosas que se converte en conto. A produción actual sorprende pola súa magnífica feitura e polos bos creadores. Sitúase na vangarda, con aplicacións para i-Pad, libros CD, propostas educativas inimaxinables hai anos, edicións bilingües ben adaptadas e autores de prestixio, etc, pero na miña opinión segue a ter eivas importantes. Mentres a crianza dun neno en lingua galega sexa case unha utopía en determinados contextos urbanos, a nosa literatura non poderá cumprir co seu propósito. Ás veces, cando un escoita sentenzas como a que acabo de lanzar cre un que está sendo especialmente negativa ou pesimista, pero cando un visita un parque infantil e atende as proporcións, olla para as escolas ou simplemente fala cos papás e coas mamás mergúllase de cheo nesta triste realidade. Unha realidade de inmensa produción literaria, educativa, integradora, pero que ten que traballar arreo neses dous aspectos, darse a coñecer e manter a canteira, sen ela non hai futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email