Pasaba o señor de Ombreiro pola rúa cando observou que unha velliña, anicada, buscaba algo na escuridade. -“Que perdeu logo, señora?” –“Ai, señor, que había perder, un peso, rolou e non o atopo!” –respondeu. O señor de Ombreiro sacou da carteira un billete de mil pesetas, prendeulle lume co chisqueiro e alumou á mendiga para axudarlle a buscar a moeda.
Fala Evtuchenko dun home que chegou ao mercado cun gran bidón de mel. A guerra rematara había pouco e a fame era moita. Diante dos ollos devecidos dos presentes colleu un cazo e encheu a boca ata rebordar o mel polo queixo, polo colo a esvarar obscenamente.
“A muller é dona do seu corpo, e como tal decide” -escoitamos, como argumento irrefutable, a favor do dereito ao aborto. Non entrarei aquí nun tema complexo, que require a máxima prudencia. Baste dicir que acepto os tres supostos ata agora vixentes e con bastantes reservas a última reforma. O que non me convence é que se poida dispoñer arbitrariamente do propio: ter comida abundante non me dá dereito a estragala, ser dono dunha casa non me dá dereito a queimala. Tamén era dono do billete o de Ombreiro, e do mel o provocador do mercado. Si, decidiron e actuaron sobre o seu. Si, pero non.