E son galegos

Categoría: Opinión

Poucas veces adoita falarse publicamente dos efectos positivos que o ensino –concepto moi xeral e aberto que, aínda en menos ocasións, se concreta e recoñece no (in)tenso labor de responsabilidade educativa e instrutiva que asume maioritariamente o colectivo profesional docente- achega á formación da sociedade. Mediaticamente, a docencia parece ser a profesión que dá acubillo aos traumados, preguiceiros, depresivos e absentistas laborais por antonomasia; a escola, de non selo xa, pode ser convertido no espazo onde todo o mundo manda e cadaquén exerce, con potestade absoluta, a súa liberdade individual, única irrenunciábel. Alármame, por iso, que a autoridade máxima en materia educativa deste noso país, empeñado en continuar emulando a atemporal Penélope, non se parabenice, sen rubor e aproveitando a máxima difusión mediática que ten no seu poder –por ser vós quen sodes, rezaría afervoadamente a miña avoa, aínda que no castelán propio e exemplarizante dunha igrexa católica perfectamente diglósica- dunha noticia que di moito e ben do sistema educativo galego.
O pasado mes de abril fíxose pública –con total discreción- a concesión dos premios nacionais de bacharelato e FP, entregados pola xa exministra de educación Mercedes Cabrera. Os requisitos para o alumnado optar ás tres duras probas de competencia previas son ter sido merecedores no curso académico dun Premio Extraordinario de Bacharelato ou de FP de Grao Superior. Pois ben, dubido que a sociedade galega saiba que seis dos mellores estudantes do Estado español, que remataron os seus estudos de Bacharelato e FP no curso 2006-07, eran galegos, seis nomes propios, catro mozos e dúas mozas que deberan ser mirados con orgullo e vontade de apoio e estímulo multiplicador. E, xa que estamos, outro dato para (re)pensarmos opinións e actitudes: os seis eran estudantes doutros tantos IES e CIFP galegos, isto é, de centros educativos públicos.
E non será que está a acontecer algo importante no noso ensino público e a sociedade galega non se está a enterar?

Comparte nas túas redes sociais ou por email