Segunda edición para 'A forma das nubes'

Categoría: Nova

Que María López Sández é unha das autoras emerxentes e con máis proxección da nosa literatura é un feito absolutamente innegable e no que coinciden lectoras e lectores e todo o mundo da crítica. A pesar de que a coñeciamos polo seu labor investigador, hai algo máis dun ano sorprendíanos gañando o Premio Repsol de narrativa breve con 'A forma das nubes', un libro que tivemos que reeditar e que estes días chega de novo ás librerías de todo o país.
Cando viu a luz por vez primeira esta novela, o crítico literario Francisco Martínez Bouzas escribía no seu blogue 'Novenoites': "Profunda e escrita con riles poderosos é esta Forma das nubes coa que hoxe nos agasalla a Editorial Galaxia. Novela intimista certamente que afonda na personalidade da protagonista -soamente sabemos que se chama C-, nas estratexias do eu e na repercusión do que acontece fóra sobre a súa personalidade, na súa evolución desde o momento no que con trece anos emprende unha viaxe, ata a súa idade adulta. Cunha temperá aprendizaxe do desamor, co bloqueo da dimensión emocional, concentrándose unicamente no sexo, ata que chega o amor e as súas barreiras son tan inútiles a hora de evitar o namoramento como fáciles de erguer de novo cando chega a traizón".

Comparte nas túas redes sociais ou por email