A gañadora da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Sara Vila Alonso debuta coa súa primeira novela Oito días sen Eva Cortes.
“Penso que os segredos teñen caducidade. Non existen, porque antes ou despois acaban desvelándose. Ás veces a perspectiva do tempo réstalles importancia. Outras veces estoupan de forma abrupta e inesperada arrasando co que atopan ao seu paso. Pero saen á luz e deixan á vista de todo o mundo o que quixemos agochar… as cousas que mantemos ocultas falan de nós. Dos nosos medos e inseguridades. Das nosas vergoñas”
Así comeza a novela de Sara Vila Alonso, na que a desaparición de Eva Cortes en Pontevella sacode a cidade mentres a prensa local comeza a furgar na súa vida familiar e nas relacións persoais.
No día da súa reincorporación tras as vacacións, no medio dunha vaga de calor, á xornalista Antía Ubeira encárganlle cubrir a desaparición desta moza. O que nun principio semella unha ausencia voluntaria froito dunha fin de semana de festa, comeza a prolongarse e a preocupar ao entorno da rapaza, Eva Cortes.
Antía Ubeira, malia a desidia e o escepticismo cara á utilidade da súa profesión, implícase cada vez máis no caso. Os descubrimentos arredor da vida de Eva farán reflexionar á xornalista sobre a súa propia felicidade, as súas expectativas, os seus desexos e obsesións.
A novela repasa asuntos que atravesan a todas as mulleres, como o desexo (ou non) de ser nai, o poder sobre o propio corpo, a independencia económica, o pracer ou a liberdade. Pero tamén sobre o medo que produce a certeza de saber que calquera de nós podería ser a muller desaparecida que protagoniza horas de tertulias televisivas e páxinas de xornais.
Oito días sen Eva Cortes atrápanos dende o primeiro capítulo e mantén un pulso coa actualidade no tratamento de moitos temas candentes. Con gran solvencia narrativa transitamos pola vida de dúas mulleres que teñen moito en común, especialmente nos seus desexos e medos.
Esta é a primeira novela para a xornalista, que en 2016 gañou o primeiro premio do Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, do Concello de Redondela, e en 2019 acadou o segundo premio Comunicar en Igualdade, que convoca a Xunta de Galicia, por un artigo de opinión publicado no Diario de Pontevedra.
Para todas e todos os interesados na escrita, a Editorial Galaxia convoca a sexta edición do Premio Literario Illa Nova de Narrativa 2022 para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano acada a súa sexta edición. Podedes participar, de acordo coas seguintes bases.
O prazo de admisión de orixinais pecharase o 14 de febreiro de 2022.