Miguel Anxo Seixas Seoane asina o terceiro e derrairo tomo dunha biografía monumental, concibida case como un diario da vida cotiá de Castelao cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública narrados a carón da actualidade da época. Chega a todas as librarías Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950, publicado coa colaboración do Consorcio de Santiago.
Logo do éxito acadado con Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, Premio Gala do Libro á Iniciativa Bibliográfica 2020, Premio da Crítica de Galicia 2020, e Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939, Premio da Crítica de Galicia 2021, Seixas Seoane volve a sorprendernos coa publicación deste derradeiro tomo, que pon fin ao maior proxecto de documentación sobre unha das figuras máis importantes da cultura galega.
Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) leva estes días ás librarías un traballo que é o compendio de anos de investigación e recollida de datos e documentación sobre a vida e obra de Castelao: o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar aos galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista.
Seixas recolle ademais todo o material “invisible” de Castelao, o que estaba en mans privadas e era case descoñecido, neste terceiro tomo da obra biográfica cuxas máis de 1000 páxinas completan un puzzle que ninguén chegara a rematar antes. Desde a obtención do permiso de residencia na Arxentina e a publicación de Sempre en Galiza ao seu papel como ministro do goberno da Republica no exilio, tamén o Castelao artista, con A derradeira leición do mestre, e as súas viaxes a México e Nova York.
Esta triloxía biográfica nace coa intención de situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo, intentando dar continuidade ao seu legado e concienciando da necesidade de loitar contra a inxustiza. Seixas Seoane deita no papel toda a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos e o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega no século XX.