O venres 17 de decembro, celebrarase, ás 20 h, na libraría Cartabón de Vigo, a presentación de A historia do cómic en Galicia, de Octavio Beares.
Acompañando o autor, estará a actriz Neves Rodríguez.
Octavio Beares escribe A historia do cómic en Galicia, un estudo detallado sobre as orixes, a evolución e o presente deste xénero. Unha radiografía minuciosa da nosa banda deseñada. Indaga na prehistoria da BD para viaxar ata o momento de vizoso esplendor que vive hoxe a nivel artístico.
Este libro debuxa a evolución da banda deseña na nosa terra e pon en orde cronolóxica os fitos que marcaron a historia desta arte. Dende os primeiros intentos de atopar unha narrativa secuencial e de combinar texto e debuxo nos xornais do século XIX ata o ‘boom’ dos anos noventa do pasado século e o presente. Por suposto, non esquece o papel central da xeración Nós e de Castelao, e os traballos na emigración.
O prologo é de Xulio Carballo, un dos teóricos galegos máis importantes do cómic.
Personalidades tan senlleiras como Paco Roca afirman que “este libro de Octavio Beares é o cimento para futuras xeracións de lectores e autores de cómic”, ou Miguelanxo Prado: “cumpre exhaustivamente este obxectivo e resulta imprescindible para comprender a evolución e o presente da BD galega”.
Octavio Beares (Oviedo, 1970) é licenciado en Xeografía e Historia na especialidade de Historia da Arte e diplomado en Conservación e Restauración de Bens Culturais. Cofundou a revista teórica CuCo, Cadernos de cómic, é membro da ACDCómic e colabora con diversos medios, como Faro de Vigo, onde mantivo unha sección sobre historieta dentro do suplemento cultural Visado, en Vigo é, e nas revistas Rockdelux e Mondo Sonoro, entre outros. Foi comisario de exposicións sobre banda deseñada para o Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.