Hoxe celébrase o Día da Edición

Categoría: Nova

Hoxe, 17 de decembro, celébrase o Día da Edición, unha data que honra o labor que exercen os profesionais do mundo editorial, en favor do coidado e a revisión dos traballos creativos, axudando e acompañando ás escritoras e escritores no seu proceso.
Este é o momento final do nacemento dun libro. É a última instancia, cando xa se pode dar a coñecer a todas e todos esta mezcolanza de ilusión, paixón e letras que está detrás de cada título. A edición facilita a visibilidade da obra, a súa difusión e coñecemento; pois as editoras e editores son figuras clave para revisar todo o desenvolvemento último, cando por fin saen á luz para coñecer ás súas lectoras e lectores.
As editoras son entes que traballan como abellas artesás, axudando a recolectar a súa doce mel para que todo o mundo poida desfrutala e facela súa. Así son os libros, que cobran sentido cando todas e todos podedes desfrutar da súa lectura, acolléndoos nas vosas casas, incorpórandoos ás vosas biografías e acubillándoos a través das vosas miradas.
Celebremos o Día da Edición lendo moito, en galego.
O Día da Edición conmemora o nacemento do editor e político Ánxel Casal que, tal día coma hoxe, nacía un 17 de decembro de 1895. Emigrou en dúas ocasións, a Arxentina e Francia, para volver á Coruña, integrándose nas Irmandades da Fala. Fundou Lar e a Editorial Nós, da que naceu a revista Nós e tamén A nosa terra. Membro do Partido Galeguista dende o seu inicio, instalouse en Santiago en 1931, cidade na que foi alcalde no 1936. Nese mesmo ano foi asasinado en Cacheiras (Teo).

Comparte nas túas redes sociais ou por email