Publicada na colección Manuais da Editorial Galaxia, O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización, de Henrique Monteagudo, nace como a continuación da Historia social da lingua galega. Nela, o autor ofrece unha aproximación de conxunto ao período franquista. Analízase a política lingüística represiva da ditadura, consistente na imposición coactiva do castelán e na marxinación sistemática do galego, e aténdese ás dinámicas sociais que abocaron a un proceso de substitución masiva do galego. O seu foco sitúase na resistencia político-cultural galeguista, nomeadamente, na súa estratexia dirixida a constituír un sistema cultural autónomo, co idioma como o seu elemento definidor.
“O propósito de centrarme na resistencia galeguista ao franquismo levoume a tomar como fito de arranque o ano 1950, tratando o período anterior dun xeito sumario. Nese ano, impulsada por Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e un grupo de galeguistas sobreviventes á catástrofe de 1936, fúndase a Editorial Galaxia, a empresa que xogará un papel protagonista na resistencia lingüítica e cultural galeguista. Naquel mesmo ano, Ricardo Carballo e Ramón Piñeiro – dúas figuras centrais nesta historia, ambas e dúas con historial de presos políticos – reintégranse na vida civil, o primeiro ao incorporarse ao Colexio Fingoi de Lugo e o segundo ao instalarse en Compostela. Timidamente, case imperceptiblemente, comezaba un tempo novo”. Así comeza o limiar do libro, unha declaración de intencións na que Henrique Monteagudo comparte o obxectivo da súa minuciosa análise.
Nesta obra, examínanse os avances conseguidos no estudo, cultivo e elaboración do galego e os debates públicos que se desenvolveron ao redor de todas estas cuestións.
A ilustración da cuberta pertence á autoría de Luís Seoane (1936), “Para unha historia de silencios”.
Henrique Monteagudo (Muros, 1959) é profesor da Universidade de Santiago de Compostela, membro da Real Academia Galega e director da revista Grial. Especialista en historia da lingua e en sociolingüística galega, é autor de numerosos traballos nestes campos (como a Historia social da lingua galega, 2017), así como ao redor da literatura e a lingua medievais, entre os que destacan os estudos e edicións de Martín Codax, os cancioneiros trobadorescos, Martín Sarmiento, Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, as Irmandades da Fala, Ramón Piñeiro e Carlos Casares.