Samuel Solleiro

Categoría: Recensión

Un sistema literario periférico como é o galego, nunha etapa de progresiva autonomización respeito do sistema español como a que vive, ten que outorgar un papel fulcral ás traducións, como desde hai pouco máis dun ano comezamos a notar. Madia leva, a aínda recente publicación de Molloy e Trópico de cáncer a mans de Galaxia (en traducións de Anxo Rei Ballesteros e Xurxo Borrazás respectivamente) non supón exactamente unha renovación con material foráneo dos repertorios da literatura de aquí, como si funcionan as traducións de obras contemporáneas. As obras de Beckett e Miller son "clásicos universais" (con toda a carga de autoridade que o termo implica), e como tales xogan un papel moi claro de lexitimación do sistema literario galego. Porén, non creo que se poida dicir que obedezan a esa tendencia supostamente normalizadora que desde hai xa anos predominaba por estas terras: o espírito do "un clásico como este non pode faltar nas nosas letras". Quero pensar que quen están detrás destas edicións non ignoran que publicar estes dous libros e non outros dous calesquera supón unha toma de posición concreta e unha escolla nunca inocente. Efectivamente, son libros abondo coñecidos, mais podemos (e se cadra debamos) aproveitar esta recuperación, nun sistema literario que até hoxe lles fora estraño, para ofrecer interpretacións novas ou extraoficiais: por que non aproveitar o momento para liberar a Beckett da carga de ser un autor existencialista (e adoptar por exemplo a interpretación materialista de Badiou) ou a Miller desa erótica do malditismo que o rodea (e pensalo a partir da máquina desexante de Deleuze-Guattari)? Non todo o que se faga cos "clásicos universais" ten que ser reaccionario. Afortunadamente.

Comparte nas túas redes sociais ou por email