Dentro das intervencións previstas no Congreso 'Ramón Piñeiro e o galeguismo', o investigador Xosé Manuel Dasilva ten un protagonismo especial por ocuparse da etapa da vida do autor de Láncara que vai do ano 1946 ao 1949, sen dúbida, anos interesantes da súa vida pois abranguen o intre da súa detención e encarceramento, e, sobre todo, anos sobre os que, ata o de agora, practicamente nada sabiamos.
Esta conferencia, xa que logo, pode considerarse dalgunha maneira como un fito histórico no que aos estudos sobre a figura e a obra de Ramón Piñeiro se refire. Dasilva presenta abondoso material relacionado co proceso ao que foi sometido Ramón Piñeiro e que se inicia cando volve de Francia no ano 46 e é detido en Madrid. Dos anos que pasará no cárcere, ata a súa liberación no ano 49 practicamente non sabiamos nada. Nesa documentación presentarásenos todo o que se puido atopar sobre a causa procesal a partir dos documentos atopados nos ministerios do Interior e de Defensa. Tamén servirá para sabermos máis sobre a vida carceraria de Piñeiro durante a súa estadía en prisión.
Xa que logo, un acontecemento cultural de primeira orde para pechar un ano, o de Piñeiro, redondeando así o coñecemento máis completo posible sobre a súa figura e, agora tamén, sobre a súa biografía.