Versos en flor é unha colección de poemas fermosamente ilustrados, oito textos en verso que rebordan palabras bonitas, verbas máxicas que enraízan nos sentimentos de quen as le prendendo de tal maneira que de seguida agroman centos de flores que enchen de arrecendos e cor a lectura.
Son poemas que nos levan a situacións tan cotiás como os males que sente o neno á hora de erguerse do leito para ir á escola, os eternos porqués infantís para sempre sen resposta, as dificultades dunha nena para abrazar ao seu pai na emigración, o agradecemento á terra que nos ten e mantén, o cariño aos nosos maiores e aos seus oficios case esquecidos ou a regueifa que nos achegan o arousán Xaquín e mais a exipcia Halima facéndonos conscientes da gran riqueza que supón a convivencia entre culturas.
Un verdadeiro goce para todos os sentidos.