Marilar Aleixandre

Categoría: Recensión

Prender nas silvas, prender nos libros

Dise en Toba que cómpre ter coidado coas espiñas das silveiras. Se te picas nunha silva, tira a espiña de contado, doutro modo nadará polo sangue como unha anguía e pode chegar a espetarse no corazón.
Porén eu gusto das espiñas que chegan fondo. E os libros que máis aprecio son os que teñen esa capacidade de furar no corazón. Hai libros que son espiñas e outros insustanciais como a lanuxe dos cardos: desfánse entre os dedos.
Libro-espiña: Dúas letras, de Fina Casalderrey (Galaxia), o relato e a curtametraxe. A emigración desde os ollos das que fican agardando por unha carta que non chega. A nai que camiña polas corredoiras "con pasos de elefanta ferida". A soidade. A muller á espreita do carteiro que vén coas mans baleiras. Fina tece nela tenrura e ironía: na presentación do libro había emigrantes retornados cos ollos cheos de bágoas. É o poder das espiñas.
Afiado como espiña, Fase de trema, o primeiro poemario de Lorena Souto (Espiral Maior): "Preparo comida para catro semanas / e dedícome a morrer todas as súas mortes".
Poden mancarnos os soños doutra? E se a outra é unha mesma? Crónica do desacougo, Fase de trema percorre un camiño difícil: manter o estremecemento cunha linguaxe espida, sobria. Poemas como coiteladas nos que "todo che doese de maneira inocente". E a voz: "Até gañar voz a noite era escura". Lorena Souto: unha voz gañada para a poesía galega.
Dúas espiñas, dúas razóns para ler literatura galega de hoxe, para prender nos libros como prende a xente nas silvas.

Publicado en Sermos Galiza, 6 de xullo de 2012

Comparte nas túas redes sociais ou por email