Rosalía de Castro, muller faro

Categoría: Nova

Hoxe, 23 de febreiro, celebramos o día de Rosalía de Castro. Unha muller imprescindible na cultura galega que, actualmente, segue a iluminar Galicia coa súa luz inapagable.
Tal día coma hoxe, en 1837, nacía, en Santiago de Compostela, Rosalía de Castro, unha das figuras claves da nosa sociedade, é a escritora máis importante do Rexurdimento galego, así como a máis popular das autoras do país. A súa figura aparece na actualidade unida de forma indisoluble a Galicia.
Personalidade fundacional da nosa literatura e unha das voces literarias máis relevantes do século XIX europeo. Na súa obra, sen deixar de parte o compromiso co pobo, as clases traballadoras e a defensa da muller, están tamén presentes as  correntes de pensamento máis importantes do momento.
É autora en galego dos poemarios “Cantares gallegos” e “Follas novas”, cos que a lingua galega volveu acadar cotas de alta calidade literaria logo de varios séculos de escuridade. ⁣
Estudada e admirada sen límites, para coñecer mellor a súa figura, recomendamos a lectura de libros como Sobre a lingua galega de Rosalía de Castro, de Victoria Álvarez Ruiz de OjedaRosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, unha biografía escrita por Maraía Xesús Lama, Premio Nacional de Ensaio 2018; Follas Novas, en edición de Teresa Bermúdez; ou, para as máis cativas, Rosalía pequeniña, un Sonárbore, adobiado coas ilustracións de Marina Seoane, pensado para cantar coas versións de Uxía.
Rosalía de Castro segue a inspirarnos cada día. Ela é unha fada da cultura que, a través da súa inmensa personalidade, encheu de maxia as nosas letras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email