O vindeiro 3 de marzo, celebrarase, no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, a estrea de As alumnas, unha obra de teatro de Culturactiva Producións, escrita por Paula Carballeira, que busca homenaxear a figura de mulleres como María Barbeito.
A través da historia de Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, asistimos a este espectáculo de xustiza social, memoria histórica, que defende o labor de docentes como Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia.
Estas dúas alumnas, volven a atoparse trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as súas decisións marcaron os seus destinos, tan semellantes nun comezo, tan diferentes despois, marcados pola rebeldía ou o medo.
Carballeira céntrase na historia de dúas mulleres anónimas, que viron truncado o seu desenvolvemento educativo pola irrupción do fascismo. Unha historia que é a de tantas mulleres, que non tiveron acceso a unha educación igualitaria, un dereito fundamental arrebatado.
Paula Carballeira é licenciada en filoloxía e narradora oral profesional desde 1994, foi convidada ás principais programacións e festivais de narración oral nacionais e internacionais. Actriz, dramaturga e directora, forma parte da compañía Berrobambán, aínda que colabora ocasionalmente con outras compañías e participou en series e programas da Televisión de Galicia. Ten unha ampla produción literaria en narrativa, poesía e teatro con máis de trinta títulos publicados, moitos deles traducidos a varias linguas.