Rosa Llorente

Categoría: Recensión

"Ela sentía que as palabras escintilaban no cuarto antes de que el as dixese…"
A primeira frase deste libro podería reflectir á perfección a sensación que acompaña a lectura desta escolma de relatos. As palabras de Elena Poniatowska están cheas de luz, avanzar na lectura de cada historia é coma seguir o trenzado maxistral dunha soga mexicana onde o mundo é tecido co coiro propio. O amor, o desamor, a inxustiza , a submisión, os convencionalismos (escritos coma un nó), a dor do coñecemento, o que morre con el, o que nace con el. O mundo que fabricamos. A illa que somos.
Na filla do filósofo, o ser humano parece estar dividido en celas, unhas arriba, outras abaixo, albiscando ao outro ao través das reixas, facéndose unha idea da pena de cada quen, mais ao fin, a realidade, é que o que doe é tocar os limites da gaiola propia.
Cada páxina deste libro está chea de poesía: as palabras son utilizadas para sacudir cunha labazada a través da beleza. E esta beleza, esta dureza, escintila con toda a súa forza na traducción coa que diversos escritores e escritoras nos achegan a esta autora.
"Tal vez agora que marchei, só vaia pedirlle á veciña que che dea o recado: que che diga que vin."
E eu son a veciña, e dou o recado. Elena Poniatowska está aquí. En galego. Ela mesma, en persoa. E A filla do filósofo é deses libros que deixa con ganas de ler máis da autora. E iso e algo que non pasa todos os días.

Comparte nas túas redes sociais ou por email