Francisco X. Fernández Naval

Categoría: Recensión

Nacida en París pero residente en México, Elena Poniatowska é ben coñecida polo seu compromiso cos excluídos, describindo a traxedia, denunciando o abandono, combatendo a corrupción; literatura e crónica elaboradas cun estilo persoal no que a descrición dos feitos narrada a través de múltiples perspectivas ofrece a riqueza das ollada complexa e colectiva, constrúe un todo que se alimenta da diversidade, exactamente como a vida. Velaí están eses libros polos que é máis coñecida La Noche de Tlatelolco sobre a represión do movemento estudantil polo exército e a policía en 1968 no Zócalo da capital, ou Nada, Nadie, las voces del temblor, unha enorme crónica da traxedia que provocou en México Distrito Federal o terremoto dos días 19 e 20 de setembro de 1985 e da corrupción que a catástrofe desenmascarou.
A AELG concedeulle o pasado mes de maio o premio "Escritora galega universal". Conmemorando este feito e a súa visita a Galicia, a editorial Galaxia publicou o libro A filla do filósofo, antoloxía que recolle dez relatos da autora traducidos ao noso idioma nun exercicio coral realizado por dez escritores galegos, un relato por cada un. Comentaba ela que estas eran historias de hai moito tempo, que logo aprendeu a escribir doutro xeito, porén, o libro ofrece unha boa mostra da capacidade literaria desta muller, expresada na súa prosa limpa, na sorpresa que agocha en cada un dos relatos, na variedade de perspectivas narrativas, no fulgor, nesa capacidade que ela ten para alumear ou desvelar unha vida enteira ou unha situación complexa cunha soa frase.

Comparte nas túas redes sociais ou por email