Hoxe presentamos en rolda de prensa tres novos títulos da colección Biblioteca Neira Vilas da Editorial Galaxia: Remuíño de sombras, Camiño bretemoso e De cando o Suso foi carteiro.
Presentaron os libros, Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Neira Vilas, Pilar Sampedro, Chus Neira, tamén da Fundación, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Xosé Neira Vilas é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir naceu o famoso Memorias dun neno labrego, un dos libros máis brillantes das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Na colección Biblioteca Neira Vilas, rescatamos Camiño bretemoso, publicado por primeira vez en 1967, nel trata o tema da emigración. Un aspecto clave na súa obra. Un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo máis vivacidade e dramatismo.
Remuíño de sombras, presenta a imaxe colectiva da comunidade galega de Buenos Aires. Unha novela que reconstrúe unha xeira histórica da diáspora dos galegos. Neira Vilas ofrécenos a novela da emigración no seu conxunto, a través de vidas cuns camiños que se encerellan, lembranzas comúns, xenreiras, incomprensións, anhelos, homes apodrecidos na riqueza ou temperados na adversidade.
O seu compromiso coa cativada amósase en De cando o Suso foi carteiro, adobiado coas fabulosas ilustracións de Kristina Sabaite, é unha lectura recomendada a partir dos 10 anos.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.