A Editorial Galaxia publica, na colección Reportaxe, un libro arredor da traxectoria de Xoán Rubia, Pasaba por alí. E quedei un intre.

Considerado un dos nomes máis importantes da música galega e autor de longa traxectoria, é unha das voces de referencia dende finais dos anos sesenta.

En palabras de Xavier Alcalá, autor do prólogo “Rubia é un home valente e coherente que soubo extraer o imprescindible da súa “existencia musical” e escolleu sonoros riscos de humor para amenizar o discurso”. Neste libro, e da súa propia man do músico de Ferrol, as lectoras e lectores acompañarán ao artista nun percorrido pola súa vida. Unha voz comprometida coa lingua galega que, a través dun grandísimo talento, creou temas que todas as persoas coñecen e que, algunha vez, tamén cantaron.

“Dicía miña nai que recordar é volver vivir, e eu, arestora, estou niso, a vivir rebobinando e logo dándolle ao play da casete da miña vida en relación coa “Canción Galega” para lembrar e contárllelo aos que poidan sentir algunha curiosidade”. Toda unha declaración de intencións por parte de Xoán Rubia que son só unha afirmación de todo o que virá despois.

Este libro recopila, dende a memoria do seu autor,  primeiros pasos, evolución… con fotografías e documentos, a vida dun artista que marcou un antes e un despois no panorama musical galego. Non só é o seu relato, se non o relato de toda unha época.

Un libro imprescindible que xa está chegando a todas as librarías de Galicia.

Xoán Rubia (Mugardos, 1947) comezou os seus estudos de música na súa vila natal. En 1968, en Santiago de Compostela, entra en contacto co movemento da Nova Canción Galega, representado daquela polo colectivo Voces Ceibes.

Gravou os seus primeiros traballos discográficos en 1969 coa compañía Edigsa, en Barcelona, logo con Philips e, máis tarde, con Zafiro-Novola.

Dende a fundación do Diario de Ferrolcolabora semanalmente con artigos de opinión, ademais de con Galicia Digitale outras publicacións.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR