O martes 22 de novembro, celebrarase, ás 11:30 h, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, unha rolda de prensa arredor de A conxura do sete, de Miguel Anxo Fernández.
Acompañando o autor, estará Marcos Calveiro, director de Editorial Galaxia.
Miguel Anxo Fernández publica un novo caso de Frank Soutelo, o sabuxo sen par no panorama literario galego. O autor achega en A conxura do sete unha sétima novela na que o noso protagonista regresa a Galicia.
O detective privado californiano de pais galegos, Frank Soutelo cumpriu no 2022 vinte anos dende a súa primeira aparición na novela Un nicho para Marilyn. A personaxe, creada por Miguel Anxo Fernández, tamén protagonizará Luar no inferno (2006), Tres disparos e dous friames (2008), Lume de cobiza (2011), Bícame, Frank (2013) e Un dente sen cadádez (2016). Todas as obras de Fernández están creadas con connotacións cinéfilas. Cada capítulo está pensado como unha secuencia que conforma unha película final: o libro. Como creador, foi evolucionando durante todos estes anos, traballando nun personaxe que dende a primeira novela soubo cativar a paixón nas lectoras e lectores.
Nesta nova entrega, acompañado do estricado funerario Sugar Jones, Frank Soutelo, regresa a Galicia a petición da investigadora Dalia Maxino, que recibe o insólito encargo de atopar a mítica espada de Santiago, agachada durante séculos, e seica torada en sete anacos a comezos do século XIX, para impedir que a roubasen os napoleónicos. Seica a queren para os fastos do próximo Xacobeo. Aos poucos, o profesor da manda desaparece misteriosamente, e resultará que a valiosa espada interesa tamén a xentes sen escrúpulos e fins sinistros, mentres asoman os cadáveres. O sarxento da municipal, Franeiras, e o antigo garda civil Poncio, sumaranse ao desafío coa eficacia acostumada. Ao tempo que Frank pecha un segredo familiar oculto durante anos, enrédase nunha conxura argallada desde o poder das elites na sombra, mentres a Policía non semella moi conforme coas súas pescudas.