Entrega do Premio Illa Nova a Irene Rega Jul por “A malferida”, en Vigo

Categoría: Nova

O luns 21 de novembro, celebrarase, ás 11:30 h, na libraría de El Corte Inglés de Vigo (5ª planta), unha rolda de prensa de presentación arredor de “A malferida”, Premio Illa Nova 2022, de Irene Rega Jul.
Acompañando a autora, estarán Fuencisla Cid Rodríguez, directora de Comunicación e Marketing de El Corte Inglés de Galicia e Asturias, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
No acto, faranse públicas as bases do Premio Illa Nova 2023. A Editorial Galaxia convoca a sétima edición do galardón coa colaboración e complicidade do Ámbito Cultural El Corte Inglés, co fin de estimular a creación de autores e autoras menores de 35 anos. A gañadora ou gañador recibirá un premio de 3.000 € concedido por El Corte Inglés, unha escultura simbólica conmemorativa do galardón, e a publicación da obra premiada.
O medo é un sentimento forte e poderoso, unha arañeira que te atrapa nos seus fíos e da que custa saír por unha mesma. En “A malferida”, a nosa protagonista, Mariña, sente esa impotencia con só catorce anos. É intelixente, ten unha nai que a quere, pero a súa vida enmaráñase nos fíos do terror cada vez que vai ao colexio. O seu único desexo é pasar desapercibida, ser invisible aos ollos dos seus acosadores, pero a escalada de violencia increméntase día a día, mentres segue atrapada nunha situación da que ninguén parece decatarse. Hai quen mira para outro lado e hai quen non quere ver, ata que unha tarde desaparece.
Azucena denuncia a ausencia da súa filla e os axentes da policía comezan a investigación coa esperanza de atopar a Mariña con vida. O medo domina agora a toda a vila, tamén a aqueles que saben da súa culpabilidade.
É tempo de que os segredos saian á luz, de que falen os que sempre calaron, de que se rompa a arañeira.
Irene Rega Jul (Cervo, 1996) é mestra e está graduada en Educación Primaria. Medrou nun fogar cheo de libros e dende moi pequena inculcáronlle a paixón pola lectura. Comezou a escribir as súas historias aos dezaseis anos e, con elas, a gañar algúns premios. Ao tempo que participaba en distintas antoloxías, ata que en febreiro de 2018 publicou a novela “Si me pierdo, tú me encuentras”, e en xuño de 2019 a súa continuación, “Si me pierdo, búscame”. “A malferida” é a súa primeira novela en galego, coa que gañou o Premio Illa Nova 2022.

Comparte nas túas redes sociais ou por email