Galaxia lembra o Prestige publicando tres libros que xiran ao redor daquela catástrofe

Categoría: Nova

Onte presentouse, en rolda de prensa, na cafetería El Castro de Vigo, os tres libros que Galaxia publicou con motivo do 20 aniversario do Prestige: Cando choraron as Cíes, de Santi Domínguez, Tal como foi, tal como fomos, de Xosé Manuel Pereiro, e o libro colectivo Prestige. 20 anos x 20 voces.
Perante a fermosa vista dun mar que lembraba a dor daqueles días negros, acompañando os autores Santi Domínguez, Inma López Silva, e Raquel Castro, estiveron Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e Roi Cuba Dorado, presidente de ADEGA.
En palabras de Castro, “ademais do desastre ecolóxico; a xestión política do Prestige foi o primeiro caso de posverdade claro.” A publicación destes tres libros pon de manifesto “o compromiso que a editorial ten coa sociedade galega desde o seu nacemento en 1950”.
En representación da Asociación Ecoloxista ADEGA, Roi Cuba quixo agradecer a doazón de Galaxia dos beneficios que se recaden coa venda do libro Prestige. 20 voces x 20 anos. Xunto a el os escritores Inma López Silva, Raquel Castro e Marcos Calveiro, que participaron con candaseu relato neste libro conxunto, viaxaron a aquel novembro de 2002 no que López Silva vivía en Francia, Raquel Castro estaba a piques de dar a luz e no que Calveiro participou de forma moi activa nas reividicacións do Nunca Máis e como voluntario na limpeza das praias.

Unha posición moi distinta era a que ocupaba Santi Domínguez, que daquela era concelleiro no goberno municipal. “Neste libro quixen trasladar a vivencia daqueles días. Eran días durísimos, nos que non tiñamos case información, se nos mentiu. Despois destes 20 anos quixen recoller as testemuñas daquelas persoas que sufriron todo isto en primeira persoa“, explica o autor xa retirado da política.
©Fotografías: Alberto Sxenick

Comparte nas túas redes sociais ou por email