Onte celebrouse,na Fundación Eduardo Pondal, no Couto, a presentación de Con Pondal en Bergantiños, de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023.
No acto participaron Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e Xosé Manuel Varela, editor literario. Presentou e moderou Diana Varela Puñal.
A lareira máis literaria de Galicia converteuse onte nunha Cova Céltica para arrincar a carreira de publicacións das Letras Galegas dedicadas a Francisco Fernández del Riego. Á calor do lume da fundación dedicada ao bardo de Ponteceso foi presentado Con Pondal en Bergantiños, un libro que fai un percorrido pola vida e a obra do poeta do Rexurdimento que o intelectual galego xa publicara no 2001.
Anunciou Francisco Castro, director da editorial Galaxia, que están previstas 17 publicacións que recollerán a «inmensa produción» dun personaxe que veu «turrando polo país» dende moi novo e que desenvolveu durante a súa vida un gran labor de «estimulador» da cultura galega. Entre as grandes novidades previstas están os diarios da Guerra Civil, inéditos. Mentres que estaba no enfrontamento bélico, Del Riego seguía facendo comentarios literarios. A outra obra especial e descoñecida será a dos apuntamentos sobre a súa viaxe a París.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, destacou que Fernández del Riego sentiuse marabillado pola figura de Eduardo Pondal e «non é estraño» porque o bardo «garda a orixe mítica» de Galicia e dos seus símbolos. «Chamáballe a atención porque Pondal significaba moitas cousas», engadiu. É o primeiro libro que se publica dende a declaración de Fernández del Riego como autor recoñecido polas Letras Galegas, no 110 aniversario do seu nacemento e 60 anos despois de que a Real Academia Galega decidira crear este recoñecemento cada 17 de maio. Curiosamente, foi o propio homenaxeado o gran inventor desta celebración, sinalou García Gómez, quen dixo que o lume aceso na lareira do Couto é «un símbolo e unha marca».
Fernández del Riego consideraba que os lectores de hoxe «deben sentir abaneada a súa alma polo berro baril de Pondal», que se caracteriza por unha vitalidade «eruptiva» e a «intensidade de dor patriótica». Di Fernández del Riego que «o valente latexo pondaliano encárnase nos heroes célticos».