Esta mañá celebrouse, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a rolda de prensa de presentación de A arte de non morrer, obra de Roberto Fernández Álvarez, gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2025.
Acompañando o autor estiveron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Jesús Antonio Méndez Álvarez-Cedrón, director xeral de Caixa Rural; e Marcos Calveiro, director xeral de Editorial Galaxia.
Galicia é unha das zonas do mundo con máis persoas centenarias que gozan dunha lonxevidade saudable. Para saber o porqué, A arte de non morrer vai na procura da evidencia científica, pero esta non abonda. É preciso sentarse a carón das persoas maiores e contemplar sen présa o lume lento das súas palabras. Só así poderemos entender como as claves culturais condicionan de maneira determinante as claves biolóxicas.
O valor da laboriosidade, o adestramento na resiliencia, a teoría do metasentidiño, o modelo saudade-festa e outros factores desenvolvidos no libro tratan de explicar, en termos científicos, o que para as persoas lonxevas foi unha práctica cultural, case unha arte: a arte de non morrer.
Roberto Fernández Álvarez (Chantada, 1967) é doutor en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela. Exerce como médico de familia en Allariz e na residencia xeriátrica de Santa Marta, en Ourense.
Dirixiu varios proxectos de investigación, entre eles o Banco de Lembranzas, unha colección de historias de vida de persoas maiores, e foi investigador principal do estudo Ourensividade, centrado no fenómeno das persoas centenarias na provincia de Ourense.
É autor do ensaio Enfermos pobres, médicos tristes, sobre a antropoloxía da medicina rural en Galicia, obra gañadora do XXI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. Como escritor, publicou tamén A inmoral doutora Cons, gañadora do Premio Blanco Amor de Novela en 2022.