Publicada na colección Ronsel Literia, a nova obra de Beatriz G. Turnes está formada por relatos protagonizados por personaxes femininas que se atopan no final da súa vida.
Con todo, non agardedes atopar en Comando sintrom avoas de pano na cabeza, sentadas a carón da lareira ou enredadas coas tarefas domésticas. A autora presenta mulleres actuais que, a pesar da súa idade, ou quizais por iso, se adaptan aos novos tempos. Estas anciás manéxanse nas redes sociais, pasean o can pola cidade, camiñan por prescrición médica e gozan da vida na medida en que poden. O tempo xoga na súa contra e aparecen os achaques e tamén se enfrontan á soidade, ou ao pasado que chega para saldar débedas pendentes, porque ser vella non te fai mellor nin peor persoa, pero muda a visión da vida.
Nestes contos enfrontámonos ao que supón vivir nunha residencia, soa nunha casa ou en estreito contacto coas veciñas, e, curiosamente, todas as situacións teñen o seu aquel. Por veces estas mulleres son pillabanas, outras tremendamente sensibles, en ocasións parecen equivocarse, pero na inmensa maioría saen adiante con sentido do humor, con doses de retranca e de sororidade.
Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.
Beatriz G. Turnes (Santiago de Compostela, 1973) é doutora en Filoloxía Galega. Escribe dende adolescente e gañou premios como o Repsol de relatos curtos, o Camilo José Cela e o Minerva. A súa primeira novela, Valdamor (Galaxia, 2001), recibiu o Premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). En Editorial Galaxia publicou tamén o discurso para as Súas Maxestades n’O libro dos Reis Magos (2012).
É autora das monografías A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (2004) e Vida e obra de Ramón Piñeiro (Galaxia, 2009). Tamén é coautora do Diccionario gallego-castellano, castellano-gallego (Galaxia, 2001) e do ensaio Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (2016). Nos últimos anos publicou O ouro das lúas (Galaxia, 2018), destinada tamén ao público xuvenil, e Esta noite hei de ir a verte (Galaxia, 2021), que coñece xa catro reimpresións.