O xoves 15 de febreiro, celebrarase, ás 13 h, no Edificio Redeiras da Universidade de Vigo, unha rolda de prensa de presentación arredor de As múltiples cores da vida. Corpos, identidades e orientacións sexuais, coordinado por María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo.
No acto participarán, María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco, coordinadoras do volume; Manuel Reigosa; reitor da Universidade de Vigo; e Xosé M. Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.
As múltiples cores da vida. Corpos, identidades e orientacións sexuais, coordinado por María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo, coa colaboración da Universidade de Vigo, é o novo título que engrosa a colección Feminismos de Editorial Galaxia.
Este libro, achega traballos, ademais das coordinadoras, de Rebeca Jorge Rodríguez, Ártemis López, Carla Míguez Bóveda, Alejandro Raposo González e Estrela Rivas López, onde se amosa a dura realidade que ten que enfrontar o colectivo LGBTI.
Máis de medio século despois das revoltas de Stonewall Inn (Nova York, 1969), os avances en relación á situación das persoas LGBTI son innegables en practicamente todas as sociedades que se consideran a si mesmas desenvolvidas, mais queda aínda moito por conseguir.
Esta publicación amosa a dura realidade quen ten que enfrontar o colectivo: discriminación, violencia, dificultades de integración, etc., á vez que se fan propostas de estratexias para promover unha sociedade máis xusta e libre de discriminacións e violencia.