Regalar libros porque si

Categoría: Nova

Sexa porque chega o Apalpador, ou Papá Noel, ou os Reis Magos, ou sexa porque si, porque é Nadal, ou porque se celebra o Solsticio de Inverno, ou porque si, ou sexa porque son datas para o consumo desaforado ou porque si, estes días non deben faltar nas listas dos regalos, os libros. Porque si. Un agasallo sen contraindicacións. Só ten beneficios, en especial para os cativos e cativas.
Se falamos deles, debemos dicir que a día de hoxe, a edición en galego fabrica libros dunha fermosura incuestionable, tanto dende o punto de vista das historias que propón como dende o punto de vista do libro como tal. As maquetacións, as ilustracións, o tipo de papel… todo está pensado para inocular o virus fermoso da lectura nos máis pequechos da casa. Pero para que ese "contaxio" sexa posible, é fundamental que os pais e as nais fagamos o noso e poñamos da nosa parte. Dándolles de comer, alimento da alma e do corazón, libros a eito. E predicando co exemplo. Dificilmente van reciclar se non nos ven reciclar; dificilmente van cruzar en verde se nós o facemos en roxo; daquela, é improbable que lean se non nos ven ler, e gozar co libro, e metelos na nosa vida como algo importante.
A oferta é enorme, e vai dende clásicos como 'O Principiño', con toda a maxia do seu personaxe, e toda a súa delicadeza, a obras como 'Un conto de cegoñas' de Antonio Ventura e Leticia Ruifernández, estoupido cromático e lírico nunha historia chea de encanto con cegoñas que saben segredos secretísimos que non hai que dicir máis que veladamente.
E quen di iso di toda a colección de Audiocontos que lles permitirán achegarse, doutra maneira, aos contos de toda a vida.
Darlles de comer, estes días, libros, para engrandecer a súa fantasía e fascinación polo mundo.
Porque si.
Para os máis grandes é difícil destacar un só libro. Se cadra, Paul Auster pode ser un símbolo estes días: un clásico contemporáneo que chega na nosa lingua para lembrarnos, que en galego, estamos, tamén no centro da literatura e no centro do mundo.
Agasallar libros.
¿Por que?
Porque si.

Comparte nas túas redes sociais ou por email