Palabras de Alfonso Zulueta de Haz para Cabanillas

Categoría: Nova

"Sempre é necesario, coido que imprescindible, lembrar as figuras que loitaron pola permanencia e salvación da nosa cultura, mais é especialmente oportuno salientar, por mor dos cincoenta anos do seu falecemento, a Ramón Cabanillas, un dos nosos grandes poetas, nunha terra afortunadamente pródiga nesta expresión literaria. En tempos onde a identidade de Galicia, a súa singularidade, non só é discutida senon tamen programase, tantas veces, a súa eliminación de calquera ámbito nas manifestacións culturais, é propicio evocar a quen tivo como forza motor da sua poesia a construcción nacional salientando con teimosía os elementos que conforman as diferencias de Galicia con resto de España. No seu discurso de entrada na Real Academia Galega, no ano 1920, proponnos unha saudade da Terra, da Raza, da Patria, conceptos que desenvolve cunha enorme potencia lírica.

A cultura é a gran enerxía transformadora da sociedade e sempre vai unida a defensa da identidade dos pobos. E a poesía como manifestación cultural sitúase nos orixes mesmos da cultura, aínda antes ca expresión en prosa, incluso antes da existencia da linguaxe escrita, amosando permanencia no tempo. A idea de que a poesía é un dos maiores logros humanos, o que máis se achega ao enigma orixinal da creación, é, como sinala George Steiner, casi universalmente aceptada.

E deste xeito a poesía como expresión dos fondos sentimentos do poeta en relación co mundo que o rodea, no que se inspira, procurando ás veces comunicar coa súa voz estimuladora, as súas emocions e paixóns, que en Cabanillas ten un amplo rexistro cunha especial vertente social e nacionalista, sen esquecer os poemas líricos, costumistas, satíricos e incluso relixiosos, extenso abano onde o noso vate alcanza niveis dunha magnífica calidade na expresión poética, mantendo firme a creencia no futuro esplendoroso do idioma: a nosa lingua é inmorredoira e nada poderán en contra dela os enemigos de casa -fora non ten máis que devotos- e todos os cativos e mezquiños desviamentos e persecucións esvaríanse aos pasos dos anos, dixo Cabanillas.

As súas inquedanzas patrióticas comezan en Cuba, onde chega fuxindo dun caciquismo institucionalizado e inmisericorde, nas súas relacions con Xosé Fontenla Leal, que terá unha influencia decisiva no futuro literario do poeta e con outros novos amigos como Basilio Álvarez que coa súa indomable rebeldía e entrega xenerosa na loita contra as inxustizas que son o pesadelo do noso pobo, conquista o corazón de Ramón Cabanillas que presta a súa voz poética ao movemento "Accion gallega" cun poema que vai ser o explosivo himno do movemento agrario, que quizais inicia a poesía combativa á que seguen Vento Mareiro e Da Terra Asoballada.

Ao regresar a Galicia, os seus compromisos galeguistas teñen canle axeitado na creación na Coruña das "Irmandades da fala", sumándose ao movemento nacionalista que medra coa súa incorporación ao "Seminario de Estudos Galegos". Como escritor galego e galeguista Ramón Cabanillas non se detivo complacido en requintes estéticos, mais intuía que a literatura galega non podía acadar valor histórico nin cotización universal sen recibir os aportes precisos que fixeran saltar a cultura do seu pobo dende un ruralismo local ao vacilante universo e de tal xeito mergúllase nas correntes poéticas contemporáneas.

Fraterniza cos máis destacados artistas do seu tempo, non todos da súa xeración, compartindo presupostos ideolóxicos centrados especialmente, nun momento de singular brillantez cultural, na procura da identidade, na potenciación da diferencia (poeta da raza) e no afán, como salienta Carlos Valle, de crear en suma, unha escola de arte xenuinamente galega.

Esta exposición "A Roseira dos Recordos", con fondos do arquivo de Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, que imos inaugurar aquí, na Casa da Cultura, onde están as sedes da Fundación Penzol e da doazón que Francisco Fernández del Riego fixo ao pobo de Vigo, dous fachos esplendorosos da nosa cultura, vai significar a lembranza e a presenza dun gran poeta e unha posibilidade máis de conectar coa súa sensibilidade na defensa da nosa identidade como pobo.

Gracias aos que con Galaxia, que empezou a súa aventura editorial coa publicación da Antífona da Cantiga, fixeron posible que en Vigo gocemos deste fermoso agasallo de Nadal".