No Día da Muller Traballadora

Categoría: Nova

Como cada oito de marzo, celebramos hoxe o Día Internacional da Muller Traballadora. E como cada oito de marzo, lembramos que o camiño aínda é moi longo, e que as mulleres e os homes debemos facelo xuntos.
Teremos que loitar por chegarmos a unha realidade na que a igualdade non sexa un obxectivo, senón unha realidade. Para iso, é obvio que hai que animar ás autoridades educativas e ao conxunto da cidadanía para que, dende a base, axuden a crear unha sociedade non discriminatoria onde independentemente do sexo cada un de nós teña as posibilidades reais de se desenvolver en plenitude.
Afortunadamente, no sistema literario galego hai ben de tempo que as autoras comezaron a ocupar o territorio que lles corresponde, en pé de igualdade cos escritores galegos. Así, por só botar un ollo ao catálogo máis recente da nosa editorial, atopamos que autoras como Alicia Borrás, Yolanda Castaño, Fina Casalderrey, Xiana Arias ou Begoña Caamaño, entre outras, publicaron libros recentemente. Outras voces femininas importantes chégannos a través da tradución, como é o caso de Sarah Waters. En definitiva, voces poderosas dende o feminino para engrandecer aínda máis a nosa cultura.
Hoxe, todas e todos somos feministas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email