A semana pasada, os medios de comunicación de toda Galicia facíanse eco da nova referida a que don Francisco Fernández del Riego deixará a dirección da Fundación Penzol o vindeiro mes de xaneiro. Don Paco, como é con cariño chamado por todos os que o admiran, aos seus 97 anos seguía acodindo cada día, como fixo durante os últimos 46 anos, ao seu despacho na que hoxe é Casa Galega da Cultura, en Vigo, e sede da Fundación Penzol.
Francisco Fernández del Riego abanderou, ademais da fundación da Editorial Galaxia, este proxecto inmenso que é a Fundación Penzol, sen dúbida, principal centro de documentación e estudio da literatura e a historia da Galicia contemporánea. A riqueza do seu patrimonio bibliográfico é ben coñecida por centos de investigadores que, en todos estes anos, beberon nas súas fontes inesgotables.
Sen dúbida, un proxecto esencial desenvolvido por un home esencial sen o cal, este país, sería imposible de entender nin, por suposto, imposible de concibir.