Rebeca Baceiredo

Categoría: Recensión

Quen sabe máis do mundo é quen recorre con asiduidade –e necesidade- ao humor. Un exemplo oriental é o humor dos mestres zen, que rachan a lóxica (ausente da vida) con saltos de pértega; un exemplo occidental é a ironía de Kierkegaard, que dá unha reviravolta para, senón eludir, paliar o absurdo da existencia. A angustia pode parir sorrisos. Deste xeito, os Prólogos son unha magnífica proposta retranqueira e elegante na que se afirma a subxectividade como fundamento filosófico.

Partindo dunha ficción literaria (un escritor é impedido pola súa compañeira para exercer como tal, e unicamente lle é permitido escribir prefacios, en vez de libros), o autor danés arremete contra o statu quo literario e filosófico do seu tempo. Valioso por diversas e profundas razóns, coma a perfecta congruencia entre forma e contido da idea expresada, este texto nace nun radical punto de partida, que se desenvolve cunha exquisita ironía conducindo ao lector polas fisuras das institucións intelectuais. Semella que a actualidade se mantén grazas á habilidade do filósofo para captar as dinámicas, as decadencias esenciais do ser humano nunhas coordenadas socioculturais que, ao fin e ao cabo, non mudaron tanto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email