Tomás Ruibal

Categoría: Recensión

CAMBIAR A VIDA, CAMBIAR A HISTORIA
A moi estimable Bibilioteca Compostela de Galaxia recolle esta novela do case descoñecido escritor sardo Favio Soriga, unha historia procedente dunha- outra- nación sen estado, afogada polos tópicos turísticos, o peso dunha tradición secular, que se adoita dicir, unha emigración constante, aínda que moi distinta da de hai varias décadas, tamén na Galiza, e unha paisaxe demoledora, na que non faltan perruqueiros, bailarinas de ballet, mercenarios que regresan de Irak e discotecas a carón do mar. Alí atopamos tres amigos que veñen de ser abandoados polas mozas e que case sempre se identifican polos apelidos: Pani, a voz narradora, excepto nun pequeno pasaxe ao remate da novela, acaba de voltar de Londres, co recordo aínda constante da moza que o deixou, Licheri, mozo dunha boa familia sarda, ex heroinómano, e Corda, escritor frustrado dende antes de comenzar a selo, un Bartleby silencioso e que colabora nalgúns dos estrambóticos proxectos do grupo, coma o roubo de documentos de identidade para proporcionárllelos a inmigrantes irregulares.
Os tres comparten unha mestura de afirmación da singularidade da illa e rexeitamento dos clichés que as guías turísticas repiten sobre Sardeña, terra na que as pistolas e os pastores conviven cos mojitos e o rock and roll nas noites dun verán que presaxia a chegada de estacións nas que a solución máis sensata semilla o suicidio. Os tres comparten tamén a irreverencia, o disfrute da vida e o sexo que se asocia- máis ou menos fundadamente- a unha adolescencia iniciática que se vai construíndo máis a forza de negacións que de certezas, un verán de rock e noites insomnes. A linguaxe de "Sardinia blues" paréceme outra das grandes virtudes do libro: unha prosa áxil coma os estilos musicais que forman a banda sonora dun libro que conta a ritmo cinematográfico historias ambientadas nun territorio que se vai convertendo-coma todos os territorios reais, narrativos ou mentais- en espazo simbólico desa mestura de pequenas certezas, transitoriedade e vacilacións que se ten dado en chamar-palabra terrible, ben sei- modernidade e que Flavio Soriga desenvolve con pulso firme e voz auténtica, reflectindo sen complexos o mundo de agora mesmo, globalizado- e disculpen o novo lugar común- no que as cidades, Londres, Barcleona, e as músicas son intercambiables e comúns.
O mencionado rexeitamento dos tópicos sobre a Costa Esmeralda ou a visión da terra que ofreceu a merecidamente esquecida Grazia Deledda-un deses incompresibles premios que ten outorgado a academia sueca- vaise relacionando así coa dubidosa autoafirmación dos personaxes, proceso no que semella haber moitos elementos autobiográficos- como a talasemia que sofre o propio Soriga- pero na que a narración converte, ao xeito que proclamaba Pessoa en "O poeta é un fingidor", en material literario mesmo esa enfermidade física e a propia enfermidade que supón o amor, singularmente o rematado ou non correspondido.

Comparte nas túas redes sociais ou por email