Alba Piñeiro

Categoría: Recensión

A ABELLA ABESULLONA

A todo lector, neno ou adulto, gústalle que a lectura dun libro lle provoque pracer, materializado ben na emoción ou na reflexión que as palabras impresas lle poden proporcionar. A abella abesullona é, sen dúbida ningunha, un libro deses que fan vibrar e engaiolan non só polo contido senón tamén pola forma de transmitilo. O seu autor, Manuel Janeiro, experto no eido do deseño editorial, convida á súa lectura, contaxiando o seu gusto por ela a través da historia concreta dunha espelida abella cuxa natureza curiosa vaille permitir tanto cumprir co mandato da súa raíña de colmea, como experimentar unha aprendizaxe vital de conceptos como a liberdade, a solidariedade ou a lealdade que a súa viaxe iniciática na procura de víveres lle ocasiona. Toda unha serie de descubertas que van significar o coñecemento de mundos diferentes aos que estaba acostumada na súa reducida vida comunal. Co emprego dunha prosa coidada e fluída, que alterna en terceira persoa coa viveza descritiva e a precisión dos diálogos coma canles de comunicación das sensacións agochadas na grandeza das pequenas cousas, reflíctese unha fermosa lírica da natureza adubada co mel do humor e a tenrura dos detalles.

Comparte nas túas redes sociais ou por email