Escoller onde buscar

Daniel Ameixeiro

Categoría: Recensión

Esta novela trata sobre a fraxilidade humana, pero (sobre todo) trata sobre a fortaleza que hai detro de nós. Porque os seres humanos somos así. Podemos subir. Podemos quedarnos parados. Ou tamén podemos caer, deixarnos arrastrar cara ao precipicio.
Iso é o que lles pasa aos personaxes deste libro. Que foron construíndo caparazóns ao seu redor buscando seguridade, pero cada vez vólvense máis fráxiles.

¿Que fai un cociñeiro que só pensa en andar con mozas, unha rapaza cun talento especial para o debuxo pero que limpa oficinas de noite, un mozo con modais de cabaleiro e que semella saído doutro século, e unha vella que con 83 anos está nun asilo, xa sen forzas para seguir vivindo?
A pesar de pareceren moi distintos, en realidade non o son tanto. Porque, no fondo, todos necesitan o mesmo: comunicación, comprensión, falar, ser escoitados.

Este libro recomendáronmo en varias ocasións. Insitiron en que tiña que lelo. Dixéronme que emociona, e tamén me dixeron que atrapa porque unha vez que os personaxes se meten na túa vida, xa non podes parar ata que sabes máis deles.

Efectivamente, tiñan razón. Porque atrapa, e porque emociona, e porque é unha historia tenra que fala con intelixencia e sensibilidade do amor cara a un mesmo e cara aos demais. E faino con mestría, conseguindo que nos metamos na historia, que a sintamos como real. Algo que só dan feito os bos escritores.

¿Que máis vos podo dicir?
Pois que temos a sorte de que estea publicado en galego. E ademais, nunha tradución impresionante. A tradutora domina (e utiliza con mestría) os recursos expresivos do galego máis enxebre.

¿Que máis?
Pois que o leades. Que habedes gozar, aprender, sorrir, mesmo emocionarvos. Nunha palabra: vivir, que é o que fan os bos libros, conseguir que vivamos outras vidas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email