É este un libro alleo a saudosismos, dominado tanto por un alento lírico como por unha pulsión xeracional, concibido para abordar o que a vivencia deses anos nese lugar supuxo para a construción identitaria. Unha proposta que dialoga non só con voces que afortalan un discurso do pensamento (Goethe, Bataille, Hume…) ou con aquelas que protagonizaron o día a día daqueles anos ou o deixaron recollido en letra escrita; fala coa memoria rescatada que acode ao reclamo da construción narrativa para desvelar, con ollada propia, o que bulía naquela Compostela nos eidos do hedónico, do lúdico, do literario, do social, da musical, do artístico e das relacións persoais. Anos que foron quen de erguer algo común, isto é, ese recoñecernos en nós e nos demais.
(Este texto é parte dunha recensión, baixo o título de "Anos oitenta: Compostela punto cero", que se publicou nas páxinas do suplemento "Fugas" de La Voz de Galicia, o 3 de xullo de 2015).