Rábade Paredes presenta o Premio Blanco Amor 2006

Categoría: Nova

Mentres a herba medra, de Xesús Rábade Paredes (Seixas-Cospeito, Lugo, 1949) é o XXV Premio Blanco Amor, prestixioso galardón que en 1981 gañou por primeira vez A vila asulagada de Daniel Cortezón e que, ao longo deste cuarto de século, reúne algúns dos nomes máis significativos da novelística galega contemporánea. O Premio Blanco Amor é, sen dúbida, un referente obrigado no novo rexurdir da nosa literatura.

Unha novela de amor dialogada. Amor á vida. Amor á continuidade da vida a través de tres xeracións: avós, pais e netos. Mundos distintos que o narrador, situado entre dúas xeracións, recrea con intelixencia e humor, con emoción e saudade, tamén con espírito crítico, dialogando cos problemas do noso tempo (mesmo cos máis domésticos) sen esquecer a significación da memoria do pasado, que nos constrúe e nos explica.

En palabras de Darío Villanueva, presidente do xurado, Mentres a herba medra é unha magnífica lección de estilo. Nada sorprendente nun autor que ten unha longa traxectoria, fundamentalmente como poeta, mais tamén como narrador, ensaísta e articulista. A metáfora da herba a medrar, elemento fráxil que abroia, pervive e adénsase nas páxinas dun relato no que o lector participa como cidadán e como persoa, instalado no tempo de tres xeracións que transitan dende a memoria dunha realidade acaso perdida (a Galicia tradicional) ao futuro da Galicia nova (por construír), entre as marcas do pasado (a emigración, a guerra civil, a ditadura franquista) e a aposta polo futuro (rapaces novos, abertos ao mundo e ás preocupacións das novas realidades que lles toca vivir). Tres Galicia que constitúen un único río continuo e renovado.

Xesús Rábade Paredes confírmase coma un excelente administrador de recursos narrativos, vivificador da palabra, que tan maxistralmente vén traballando tamén no plano poético. A súa obra é ampla e xenerosa, dende os seus primeiros textos de finais da década dos 60 (Xuntos cara ao mañán) ata os nosos días. Nas páxinas desta mesma Web poden os interesados consultar a súa prestixiosa e extensa biobliografía.

Formaron parte do xurado que concedeu o Premio Blanco Amor a Mentres a herba medra os escritores e críticos: Darío Villanueva, Vicente Araguas, Xosé Luís Axeitos, Xosé María Dobarro e Álvaro Porto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email