Un ano máis o Casino engalanouse para recibir á gañadora deste premio que se consolida definitivamente como porta de entrada da mellor narrativa estranxeira. Editorial Galaxia, en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Santiago, publicou a novela na Biblioteca Compostela de Narrativa Europea, colección que ten como obxectivo achegar aos lectores e lectoras galegos as novidades literarias publicadas nas linguas de Europa.
Participaron no acto Ubaldo Rueda, vicepresidente do Casino, José Manuel Blanco, representante de Ámbito Cultural, entidade patrocinadora do premio, Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e a autora premiada, recén chegada de Londres, Sarah Waters.
Todos estiveron dacordo en sinalar a importancia da conxunción de esforzos e vontades necesaria primeiro para crear e fundamentalmente para consolidar un premio destas características, que achega o mellor da literatura europea contemporánea á nosa lingua e en moitos casos supón o primeiro contactos destes autores coa cultura galega.
Sarah Waters mostrouse moi agradecida por ter recibido este premio que lle deu a oportunidade de visitar Compostela e achegarse aos seus lectores que xa poden ler a súa obra en galego.