Que empece a función!

Categoría: Nova

O pasado 22 de novembro o Auditorio de Ourense quedou pequeno para acoller ao medio millar de escolares que puideron gozar do espectáculo, posto en pé por Teatro da Esmorga e Editorial Galaxia, titulado 'Que empece a función!' e que supón un paseo, en pequenas pílulas escénicas, polo máis importante do noso teatro ao longo da historia.
Estamos diante dunha singular e interesante montaxe teatral que nos permitirá viaxar, a través de pequenos fragmentos moi escollidos, pola historia do teatro galego dende o Rexurdimento ata os nosos días. O espectáculo funciona a partir de sketchs independentes entre si. Mais o que vemos está enfiado por un narrador que vai dotando de sentido ao que contemplamos e que serve de guía e compaña nunha viaxe no tempo dramaticamente singular. Castelao, Manuel María ou Roberto Salgueiro, entre outros, viaxaron canda os escolares no túnel do tempo, entre bambalinas, telóns e un patio de butacas que ficou contento e abraiado diante da riqueza da dramaturxia feita en Galicia.
O espectáculo seguirá viaxando por Galicia para levar o teatro de Nós a cantos máis espectadores, mellor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email