Galaxia Tales e Galaxia Comic serán presentadas no Culturgal

Categoría: Nova

Dentro dos moitos actos que a Editorial Galaxia ten previstos para desenvolver durante o Culturgal desta fin de semana en Pontevedra, destacamos dous produtos relacionados coas novas tecnoloxías absolutamente pioneiros en Galicia e, en boa medida, no resto do Estado.
Por unha banda, presentaremos o portal Galaxia Tales, primeira web de contos interactivos en Rede, listos para ser visualizados e mercados dende calquera soporte que teña conexión a Internet. Unha web de contos en galego, castelán e inglés, que non só conteñen animacións, senón tamén música orixinal e locución nas tres linguas para que poidan ser gozadas de moitas maneiras. Nacen cun prezo simbólico de 2.42 euros e dende a web existe a posibilidade de, antes de mercar, visionar aproximadamente un 20 por cento de cada conto. o proxecto complétae con fondos de escritorio, láminas para colorear e extras relacionados cos autores, ilustradores e actrices de dobraxe que participan no proxecto. Neste intre, Galaxia Tales arrinca con dous contos: 'Unha sorpresa para Goruk' de Daniel Landesa con ilustración de María Longa e 'Así comezaron as aventuras da Rosa dos Ventos e Xan Pericán' de Joel Franz Rosell con ilustración de Luis Castro Enjamio.
Por outra banda, e insistindo nos produtos para iPad e iPhone nos que a Editorial Galaxia leva traballando dende hai anos coa idea de levar a presenza do galego ao terreo da modernidade, nace Galaxia Comic, unha aplicación en galego, castelán, inglés e coreano, que nos permitirá ler nas tablets e móbiles novelas gráficas e toda clase de produtos relacionados coa banda deseñada e que ofrecemos totalmentede balde. Por outra banda, a novela gráfica que ofertamos, terá un prezo na Ap Store de 2.69 euros
Dúas propostas que deixan claro que se hai unha editorial en Galicia que aposta polas TICs é Galaxia, quen xa hai tempo experimentou con estes formatos co proxecto Contoplanet en colaboración con Perro Verde Films. De novo, buscando alianzas, arrancamos Galaxia Comic coa versión dixital de "Nómades" de Xosé Tomás dispoñible só para iOs e que é posible grazas a colaboración doutra empresa galega, Enxeño. E para o desenvolvemento tecnoóxico de Galaxia Tales contamos coa axuda doutra empresa galega, Imaxin.
Dúas apostas pioneiras que insisten na idea da nosa editorial de profundar nas novas formas de lectura para os novos públicos lectores do século XXI. E sempre, dende o galego e dende Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email