Nerea Pallares, autora de Punto de araña, participará na 40.ª edición da Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (FIL), que se celebra do 28 de novembro ao 6 de decembro de 2026, en México.
A escritora formará parte da programación impulsada pola Xunta de Galicia nunha das grandes citas internacionais do sector do libro, na que tamén participará María Solar, autora de Os nenos da varíola.
Nerea Pallares, que mereceu o Premio García Barros 2025, Premio Follas Novas 2026, e o XXX Premio Literario San Clemente co seu Punto de araña, participará en cinco encontros literarios nos que se abordarán cuestións como a memoria, a identidade, o oficio da escrita e as resistencias femininas.
Entre eles, destaca a conferencia «Si nosotras paramos. Palilleiras, mariscadoras y redeiras, las manos invisibles que sostienen», que terá lugar o martes 1 de decembro, ás 17:00 h, no posto II16 da Xunta de Galicia. A escritora abordará as condicións laborais e vitais das mulleres do mar da Costa da Morte, poñendo o foco na precariedade e na feminización do traballo, cuestións estreitamente vinculadas ao universo da súa novela.

Ese mesmo día, ás 19:00 h, participará na mesa redonda «Lo que heredamos», xunto a Juliana Gómez Nieto e Elisa Díaz Castelo, moderada por Elma Correa. O encontro xirará arredor da herdanza entre xeracións de mulleres e da súa representación na literatura.
Pallares participará tamén nas mesas redondas «Periodistas y escritores. ¿Una virtud o un defecto?», o 30 de novembro, con María Solar e Arturo Lezcano; e «Mapas de la memoria: crónica, identidad y fronteras narrativas», o 2 de decembro, con Arturo Lezcano e Rober Cagiao, con Anxo Lorenzo como moderador.

O xoves 3 de decembro, ás 17:30 h, Nerea Pallares e María Solar compartirán mesa con María Lado no encontro «Mujeres rebeldes con causa», moderado por Rocío Cerón. A través dos personaxes femininos de ficción, as escritoras reflexionarán sobre as desigualdades, o peso das tradicións e a situación das mulleres na sociedade, tanto no pasado como no presente.

A presenza de Nerea Pallares en Guadalaxara súmase á traxectoria internacional de Punto de araña, unha novela escrita orixinalmente en galego, que continúa a abrirse camiño noutros mercados editoriais a través da súa tradución a outras linguas.
Os nenos da varíola: unha historia compartida entre Galicia e México
No marco da programación galega na FIL, María Solar ofrecerá o venres 4 de decembro, ás 16:30 h, no posto da Xunta de Galicia, a conferencia «Los niños españoles y mexicanos que salvaron el mundo».
A escritora recuperará a historia da Expedición Filantrópica da Vacina que, en 1803, iniciou unha travesía a través do Atlántico para levar a vacina da varíola a América. Un episodio histórico que inspira Os nenos da varíola, novela publicada por Editorial Galaxia que reivindica o papel dos nenos que participaron na expedición e de Isabel Zendal.
Consulta o programa completo de Galicia na FIL de Guadalaxara 2026.