Helena Salgueiro Golán gaña o XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo

Categoría: Nova

A autora Helena Salgueiro Golán é a gañadora do XVII Premio de Poesía Victoriano Taibo coa obra Noite de Istar, segundo o ditame do xurado, reunido en Gondomar o pasado 21 de novembro.

O certame, convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, recoñece por unanimidade o poemario presentado baixo o lema “Büka”.

O xurado salienta da obra gañadora que se trata dun “traballo profundamente persoal e nutrido de referencias culturais poderosas, onde o texto experimenta o clímax místico a través do seu propio corpo de idioma. Nel, os elementos relaciónanse a través de dous conceptos estruturais como son a voz e a luz, dúas caras dunha mesma moeda”.

Nesta XVII edición, o xurado estivo integrado por Emma Lázare, filóloga e tradutora, en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán; Yaiza Peixoto, mestra e presidenta de Espazo Lectura; Antón Blanco Casás, profesor e poeta gañador da edición anterior; Tamara Andrés, escritora e tradutora, en representación de Editorial Galaxia; e Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns.

O xurado decidiu, así mesmo, facer unha mención ao texto presentado baixo o pseudónimo “Mona marental” e destacou a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email