O profesor da facultade de Filosofía da Universidade de Santiago,Luís G. Soto publica estes días na nosa editorial o libro 'Barthes filósofo', texto que resultou merecente do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística –a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades– e mais pola Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa.
No momento do fallo, o xurado valorou especialmente que a obra faga unha reinterpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. García Soto interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Barthes, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo co lector/a.