Aberta a convocatoria do IX Premio de Narrativa Breve Repsol

Categoría: Nova

Fundación Repsol e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocan a IX edición do Premio Narrativa Breve Repsol, que conta cunha dotación económica de 12.000 euros e inclúe a adquisición por parte de Fundación Repsol dos dereitos de explotación da primeira edición do texto galardoado e a publicación da peza pola Editorial Galaxia. O prazo de presentación das obras estará aberto ata o próximo 23 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. As bases completas están dispoñibles para descarga neste enlace.

Unha vez pechado o prazo, un xurado formado por un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, outro de Fundación Repsol, un da Real Academia Galega, outro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e un de Editorial Galaxia, decidirán a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro.

O Premio Breve Repsol foi creado no ano 2006 pola Refinería e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral de Política Lingüística de la Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, Fundación Repsol toma o relevo da Refinería no impulso do certame, que dende o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

Na primeira edición, en 2006, o periodista Miguel Sande conseguiu este galardón pola súa obra Si algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e periodista, conseguiu un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai, e na terceira o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. Na edición 2010 o premio foi para o escritor galego, Xurxo Sierra pola súa obra Os Fios. Microbios e outros paquidermos de Fernando Díaz-Castroverde gañou a edición de 2011. En 2012, o galardón foi para a obra A forma das nubes, de María López Sandez; mentres que no 2013 a obra gañadora foi O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila. Finalmente, no 2014 Santiago Lopo conseguiu premio grazas a súa obra A Diagonal dos Tolos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email