Dicía Gregorio Marañón - médico moi afeccionado ao xénero- que a lectura dun diario literario sempre inspira un diagnóstico freudiano: un autor edípico ("apaixoado pola súa nai", dicía don Gregorio), un autor onanista, un autor con complexo de Peter Pan, un autor fetichista, narcisista...Por iso os diaristas ocultan con frecuencia o seu pecado. Tolstoi, por poñer un caso, agachaba o seu diario nun zapato vello. Xosé Manuel G. Trigo gardouno durante cincuenta anos nunha patela vella do seu avó mariñeiro, e agora que o doutor Marañón xa non está, atrévese a darnos a ler un anaco do seu diario.

Nado en Meira (Moaña, 1948) é profesor e colaborador en diversas publicacións periódicas coma Guía dos Libros Novos, Revista Galega do Ensino e Grial. Como autor de ficción publicou no ano 1988 o libro Extintos básicos (1988).