Con Un artista da fame Editorial Galaxia remata a publicación en galego das narracións completas de Franz Kafka.
Este segundo volume recolle, seguindo unha ordenación cronolóxica, as narración escritas polo autor desde 1917 ata o final da súa vida. Inclúense os maxistrais lampexos narrativos dos seus cadernos de notas, os textos cos que no verán de 1920 Kafka retoma o seu traballo literario logo do período da enfermidade e as narracións das páxinas do seu diario contemporáneas á redacción da novela O castelo. Nun incesante buligar creativo, Kafka concive fantasías sorprendentes e iluminadoras a carón de descricións precisas e paradoxais.
Franz Kafka (Praga, 1883-Kierling, Viena, 1924) escribiu en alemán algunhas das obras máis salientables da literatura do século XX. Á parte da súa interesante correspondencia, é autor de obras coma O proceso, O castelo, América (O desaparecido) e A metamorfose. Na colección Clásicos Universais publicouse Un médico de aldea e Un artista da fame, dous volumes nos que se reúnen as súas Narracións Completas.