(Vigo, 1935 – 2023). Poeta pertencente á Xeración das Festas Minervais e cofundador do grupo O Galo. Colaborou con diversas publicacións e é autor de varias traducións ao galego. Os temas sobre os que xira a súa poesía son, como sinala Dolores Vilavedra, Galicia e a muller. Entre os seus libros destacan Ao pé de cada hora (1967), Tempo de Compostela (Premio da Crítica Española, 1978) e o libro de relatos Os misterios de Monsieur D’Allier (Premio da Crítica, 1993). Ingresou como membro numerario da Real Academia Galega en 1992. Ó longo da súa vida recibiu numerosos premios e recoñecementos, entre eles o Premio da Cultura Galega 2012 no apartado de Letras.
A breve obra de García-Bodaño xira principalmente arredor da conciencia cívica e das vivencias eróticas. Sobrio de expresión pero latexante de emoción lírica, aparece afestado do socialrealismo e máis dado á expresión directa do sentimento patriótico. O libro Tempo de Compostela é unha espléndida visión lírica da cidade expresada en versos de gran poder evocador. O seu verso tende a ser libre, pero nalgunha das súas últimas parcas entregas cultiva con extraordinario acerto unha forma tan cerrada coma o soneto clásico. Poeta limpo e claro, García-Bodaño é unha das grandes voces da súa xeración.
En 2013 recibiu o premio ‘Voz da liberdade’ outorgado polo Pen Clube de Galicia e en 2015 a Medalla de Ouro de Santiago e o título de Fillo Adoptivo.