"Estes contos teñen quid, misterio e suceso, que son a esencia do conto", escribiu Ánxel Fole dos contos deste libro no momento da súa aparición.
Con estes relatos deuse a coñecer Camilo Gonsar en 1961 na colección Illa Nova da editorial Galaxia. Neles pódese adiviñar un aceno lonxano de Pío Baroja e Dostoievski. O conto "A volta" ten sido xustamente eloxiado pola graza coloquial do diálogo dos seus protagonistas.

Camilo González Suárez-Llanos (Sarria, 1931-Vigo, 2008) asinaba os seus libros dende 1980 como Camilo Gonsar. Formou parte do movemento de autores da coñecida como Nova Narrativa Galega. Entre as súas obras destacan o libro de relatos Lonxe de nós e dentro e outras páxinas e as novelas Como calquera outro día, Cara a Times Square e Desfeita (semirreportaxe).
Foi membro numerario da Real Academia Galega desde o 14 de decembro de 2002, data en que deu lectura ao discurso «Sobre a literatura galega: un achegamento subxectivo», ao que contestou en nome da institución, Xosé Luís Franco Grande.