Eloy Varela Caseiro naceu na Barrela, na provincia de Lugo, e alí viviu ata a súa adolescencia. O ritual do cine ambulante espertou nel unha curiosidade que anos máis tarde ía satisfacer. Soñar co cine no rural galego dos anos cincuenta era una utopía, así que antes do celuloide chegou a álxebra. Licenciouse na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela no ano 1977. Comezou deste xeito o seu percorrido por diferentes centros galegos de ensino e tamén fixo efectiva a súa afición pola creación cinematográfica .
Realizou as súas primeiras películas en Super 8. A estrea produciuse en 1982 cunha curtametraxe de terror titulada 'Calquera día'. Tamén desenvolveu un importante traballo documental, como a fita 'Cariño, un pobo marxinado', documental sobre a loita do concello de Cariño (A Coruña) por se segregar do de Ortigueira (1986).
Coa escritora Fina Casalderrey, ademais deste 'Dúas letras', filmou o drama 'Garuda' no ano 2010.
Alén destes proxectos, traballa no eido da infografía en 3D e na dirección e producción de videos musicais. Compaxina esta labor coa súa docencia no IES Illa de Tambo de Marín.
Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas (1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina (1992, premio Merlín), Chamizo (1994), ¡Asústate, Merche! (1995), O misterio dos fillos de Lúa (1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres (1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996), ¿Sobrevives? (1996), ¡Puag, que noxo! (1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata (2000) e A máscara de palma (2000).
A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.
En 2013 foi nomeada académica de número da RAG e recoñecida pola Asociación Galega de Editores como Autora do Ano 2012, así como por Gálix como Socia de Honra.
En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras.