Éxito arrollador de DÚAS LETRAS en Compostela

Categoría: Nova

O martes, no Salón Teatro de Compostela vivimos unha emocionante xornada que rematou co público posto en pé ovacionando o traballo de Eloy Varela e Fina Casalderrey, director e guionista de 'Dúas Letras' e de Teresa Fraga, protagonista da fita, quen cativou coa súa interpretación a unha audiencia que encheu a sala para asistir, ademais de ao visionado da premiada curta, á presentación do libro, editado por Galaxia, no que ofrecemos, nun elegante formato en tapa dura, o texto literario de Casalderrey acompañado de distintos materiais arredor da emigración, textos do director, da guionista… Por outra banda, a película, conta cunha serie de extras como son o filme subtitulado ao castelán, entrevistas con director, guionista e protagonista, así como un completo making off e imaxes da aldea onde se rodou.

Fina Casalderrey explicou o proceso inverso que foi a escrita do texto, pois naceu como un guión cinematográfico e, como Eloy Varela explicou "o guión está chamado a morrer en forma de imaxe".
O libro contén o DVD coa película, unha historia sobre a emigración e sobre as nais que pacientemente esperan novas dos que están alén mar. Nela reconstrúese a Galicia dos anos 50 e, en palabras de Víctor F. Freixanes, 'esperamos que serva, ademais de para abrir novos circuitos para a nosa cultura e o noso audiovisual, tamén para achegar esta realidade ao mundo escolar, para que os máis novos entendan a realidade daquel tempo e a dureza da emigración".

Comparte nas túas redes sociais ou por email