Licenciada en Económicas pola Universidade de Santiago.
Toda a súa actividade profesional está ligada ao sector da edición (Editorial Galaxia), no que traballa desde o ano 1984.
Compaxina a xestión económica coa creatividade e a acción cultural.
A súa paixón son os álbumes ilustrados, a música e a danza tradicional, o que a ten levado a implicarse en diferentes iniciativas neste eido durante longos períodos de tempo.
Formou parte da directiva de GALIX (Asociación Galega do libro Infantil e Xuvenil) na súa primeira etapa de implantación en Galicia.
Tamén estivo na directiva da Asociación Galega de Editores, participou na posta en marcha da Asociación Culturgal e na organización da primeira feira Culturgal celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra.
É membro activo, entre outras, da Asociación Monteira Grupo de Danzas do Mundo, desde o ano 1996.
Titulado superior en música, Licenciado en Historia e ciencias da música e Doutor pola Universidade da Coruña. É autor de numerosos libros e artigos relacionados coa pedagoxía musical e a musicoloxía. Tamén destaca como relator en cursos de formación do profesorado. Actualmente imparte «Historia da música» no Conservatorio Superior de Música de Vigo, así como no «Máster de Investigación en Artes Escénicas» da Universidade de Vigo e no seu programa de doutoramento.
Profesor de Danzas do Mundo. Inicia a súa formación formando parte de diversos grupos de baile galego en 1981 e amplía os seus coñecementos sobre danza tradicional doutros países en diversos cursos e festivais europeos, como o de Lorient en Bretaña, nas Journées de la Danse no Conservatorio Occitano de Toulouse, na Willie Clancy Summer School en Irlanda e na Royal Scotish Country Dance Society Summer School en Escocia, nos cursos da Asociación Radalaila de Valladolid e outros moitos. Posgrao en Expresión Artística e Danza da Universidade de A Coruña (INEF). Ten impartido clases en cursos de formación de profesores e monitores de tempo libre, así como en cursos organizados por diversas asociacións culturais de España. Participou durante varios anos como monitor nos festivais Andanças en Portugal e Danzas sin Fronteras en España e da clases na Asociación Monteira Grupo de Danzas do Mundo de Vigo.